Filmes

Todos os filmes

Retrospectiva | Peter Tscherkassky

Quen mira?

Brais Romero Suárez

 

Dous planos intercalados por diferentes imaxes provocan diferentes emocións”. Kuleshov estudou a inicios do século pasado este efecto psicolóxico no que a nosa mente completaba con diferentes significados os espazos que a montaxe creaba.  Como querendo evolucionar estes estudos, Tscherkassky revoluciona o cinema aumentando a velocidade de proxección ata o fin de construír unha continuidade existente tan só na pantalla. Este é o efecto Tscherkassky: o movemento non existe no cinema (a película), senón no celuloide (a proxección da película).

 

O cinema non é só unha arte centrada en capturar a realidade ou en reinterpretala; é a resposta á paixón por mirar sen ser visto do ser humano. É a resposta a un voyeurismo innato que atopa nel a forma de exteriorizar esa pulsión. Un atractivo que escraviza aos nosos ollos ante a pantalla da sala escura, constantemente bombardeada por realidades que só existen grazas á natureza da proxección. 

 

Tscherkassky é un artesán da subversión do cinema e da mirada. O seu traballo artesanal co celuloide devén en filmes ametrallados polas imaxes. Un cineasta que traballa co noso desexo de mirar e que aproveita o noso voyeurismo fílmico.

 

Desde filmes como Urlausbfilm, onde unha muller camiña espida polo bosque unha e outra vez como o soño do que foi/é, ata outros como Manufaktur, onde o movemento contraponse desde un coche de carreiras ata un aparcado, os filmes do austríaco nunca nos ofrecen o que queremos. As expectativas cultivadas por unha educación visual tradicional provócannos frustración ante un cinema que xoga co noso subconsciente e coas nosas ideas predeterminadas. Tscherkassky sabe isto, e é por iso que xoga a inverter o esquema tradicional que vai da pantalla ao espectador: aquí, o filme tamén mira ao espectador.

 

En Coming Attractions o cineasta aposta por espir a nosa pulsión escópica creando mediante a montaxes unha serie de secuencias fílmicas onde a película xoga a deixarse mirar e a mirar. Como nunha sorte de ritual preliminar, a cinta excita ao espectador á vez que sinala a causa da mesma, provocando que o feito de ser descuberto sublima aínda máis a estimulación. O filme mirase tamén a si mesmo, como podemos comprobar na serie de rostros que cruzan miradas que se fan posibles na montaxe, mentres nós, agardamos a quenda a volver para ser descubertos pola película. Como a Tántalo no inferno, Tscherskassky sitúanos entre a auga e a froita, facéndonos innacesibles ás dúas nun proceso no que a frustración convértese en axitación.

 

Pero, quen mira a quen? Quen é o primeiro en ollar? Happy-end supón a recuperación dun arquivo doméstico familiar. Unha parella adulta bebe e celebra algo que descoñecemos, mentres, alguén descoñecido filma a escena. En Tabula Rasa unha muller íspese ante a cámara nun striptease que nunca chega a culminarse, a excitación é tal que o propio filme contáxiase da mesma e cobra vida propia. En The exquisite corpus unha parella á deriva nun barco atopa unha illa onde un grupo de xente agarda a súa chegada. Pero, quen mira? Unha pregunta que parece repetirse ao longo de todo o cinema do austríaco e que non pode ter máis que múltiples respostas. A súa obra é a celebración da mirada, a análise da mesma, a constatación de que os filmes non son tan só proxeccións, senón que son experiencias nas que cada visionamento cambia a nosa percepción e onde o autor non se agocha trala súa obra, senón que se sitúa dentro da mesma.

 

En Instructions for a light & sound machine asistimos ao descenso aos infernos de Tuco, a personaxe de Eli Wallach do clásico de Sergio Leone. O vaqueiro volve aos escenarios onde a épica tivo lugar para ser estudados pola atenta ollada de Tscherkassky, que dispara desde dentro do filme, violentos refachos de imaxes. Cineasta e protagonista comparten unha realidade inexistente, onde Tuco loita por recoñecer o deserto reconvertido en Hades, onde o metacinematográfico é unha ferramenta coa que o director non só reflexiona sobre a experiencia do re-visionamento, senón coa que modifica a historia, unha idea que, explora tamén noutras obras como Shot-Countershot ou Dream Work. O meta non é un exercicio de nostalxia, senón unha transformación radical, onde apenas quedan signos da orixinalidade das imaxes, e onde as mesmas transfórmanse en sombras propias de mundos escuros. Pesadelos oníricos onde as imaxes tan só existen na proxección, onde as realidades que se mesturan non comparten sequera o mesmo fotograma, senón que a propia natureza da proxección crea unha nova dimensión onde o imposible faise realidade. 

 

A filmografía de Tscherkassky desprázase a gran velocidade. Cando a sala convértese na sala escura, entramos na dimensión que habitaba Tuco, unha dimensión onde seremos ollados e onde poderemos ollar, pero onde as nosas decisións quedan supeditadas a un cinema que se move veloz, coma un tren. Coma o tren dos Lumière que chega á estación en L’arrive, onde vehículo chega á estación ao tempo que a imaxe chega ao cadro; o tren detense, pero o cinema continúa.

Ler máis Ver menos

Peter Tscherkassky 1

Teatro Principal

Duración: 72m 57s

Erotique

Erotic

Peter Tscherkassky

  • 1982
  • 01:40
  • Austria
  • EXP
  • COR

Vénse imaxes dando voltas, partes da cara dunha muller, beizos vermellos, ollos en fragmentos cíclicos de movemento. Ás veces é complicado saber que parte do corpo se está a ver. A mirada quédase atrapada en obxectos parciais, non integrais, un corpo enteiro no que pensar. Ningún corpo, cuxa representación era sempre un dos problemas no cine. (Michael Palm)

Urlaubsfilm

Holiday Film

Peter Tscherkassky

  • 1983
  • 09:15
  • Austria
  • EXP
  • COR

Vista dende a distancia, unha muller pasea por un prado. De vez en cando unha blusa parcialmente desabrochada revela os seus peitos, filmados cun potente teleobxectivo. Pero o idilio remata socavado radicalmente cando a muller mira de súpeto directamente á cámara. A película córtase ao instante: o voyeur foi descuberto! Esta cadea de acontecementos salta continuamente de novo ao principio e repítese, pero cada vez como unha versión regravada da secuencia anterior. A perda que se vai xerando conduce a unha ilexibilidade perfecta, ata que todo o que queda son unhas imaxes abstractas e escintilantes. O espectáculo erótico pouco a pouco vaise convertendo nunha lembranza. (Michael Palm)

tabula rasa

tabula rasa

Peter Tscherkassky

  • 1989
  • 17:02
  • Austria
  • DOC, EXP
  • COR, B&N

Tabula Rasa cambia do figurativo ao abstracto, algo que como irritación visual non permite ser entendido como a creación dun mesmo como espectador. Aínda que o obxecto que se observa é o máis común de todos: o corpo feminino. É este corpo, o que vai dun lado cara o outro amosándose (como unha foto) e tapándose.

Manufraktur

Manufracture

Peter Tscherkassky

  • 1985
  • 03:00
  • Austria
  • DOC
  • B&N

Unha rede enmarañada é tecida con partículas de movemento sacadas duns vídeos atopados e compilados de novo: os elementos gramaticais “á esquerda, á dereita, dun lado para outro” do espazo narrativo son descargados de toda carga gramatical. O que queda é un enxame de autosuficiente de vectores fugaces, engurrado con trazas dos procesos manuais da produción na sala escura.

L'Arrivée

The Arrival

Peter Tscherkassky

  • 1998
  • 02:00
  • Austria
  • DOC
  • B&N

L’Arrivée é a segunda homenaxe de Tscherkassky aos irmáns Lumiére. Primeiro vese a chegada da propia película, que amosa a chegada dun tren a unha estación. Pero ese tren bate contra un segundo tren, causando un accidente violento, que conduce a unha inesperada terceira chegada, a chegada dunha muller fermosa: o final feliz.

Outer Space

Outer Space

Peter Tscherkassky

  • 1999
  • 10:00
  • Austria
  • EXP
  • B&N

Unha muller, aterrada por unha forza invisible e agresiva, é ademais exposta ás miradas da audiencia, unha prisioneira en dous sentidos. Outer Space axita esta construción, que é prototípica para as xerarquías de xénero e do réxime da forma de ver o cine clásico, e permite que a protagonista a poña patas arriba. A historia remata na mirada resistente da muller. (Isabella Reicher).

Dream Work

Dream Work

Peter Tscherkassky

  • 2001
  • 11:00
  • Austria
  • EXP
  • B&N

Unha muller vaise á cama, cae durmida, e comeza a soñar. Este soño lévaa a unha paisaxe de luces e sombras, evocada dunha forma unicamente posible a través da cinematografía clásica.

The Exquisite Corpus

The Exquisite Corpus

Peter Tscherkassky

  • 2015
  • 19:00
  • Austria
  • EXP
  • B&N

Unha procura ao longo dunha costa. Albiscamos a varios actores dende a proa dunha embarcación pequena. Finalmente, o obxecto da procura é atopado: unha bela durminte xace na praia, ante os nosos propios ollos. De súpeto e de xeito moi inesperado, vémonos introducidos no seu sono. É un sono realmente ambiguo: sensual, cómico, truculento, e extático. Unha sedución amplamente definida, ansiosa dunha dimensión física tanxible, perceptible, exquisita... incluído o corpo da película.