Departamento pedagóxico

Dende o punto de vista da natureza do medio, o cine é unha arte mixta; aglutina practicamente todos os elementos das artes escénicas, sonoras, visuais, simbólicas e virtuais. Dende o punto de vista do traballo a realizar, o cine continúa a presentarse coma unha arte mixta de sentido espacial e temporal. Dende o punto de vista das formas de expresión, o cine é unha arte de expresión complexa: é audiovisual, dixital, multimedia, plástica, dinámica, verbal, xestual, etc. (Beardsley e Hospers, 1997).

O cine ten estado presente no Século XX nas escolas e nos centros da sociedade civil onde, mediante sesións formativas se ten aprendido a reflexionar sobre como hai que ver unha película e como pode ser xulgada, atendendo ás perspectivas técnica, estética e moral. Tan grande e diversa ten sido a súa implantación que, na linguaxe pedagóxica, ten significado específico o cine educativo, instrutivo, didáctico, divulgador, documental, formativo, recreativo, etc. (Dicionario de Pedagoxía, 1970).

O cine é unha arte e como tal pertence á área de experiencia das artes, a cal é susceptible de intervención pedagóxica. Para este fin, require do uso de formas de expresión xenuínas e comúns co fin de traballar as dimensións xerais de intervención cognitiva, afectiva e volitiva nos educandos.

Como profesionais da educación estamos obrigados a non confundir as tres acepcións posibles das artes como problema de educación:

  • Cine como ámbito xeral educativo que aporta valores educativos igual que calquera outra materia.
  • Cine como ámbito de educación xeral, é dicir, como ámbito que forma parte da educación común dos escolares e desenvolve o sentido estético e artístico atendendo á experiencia cinematográfica.
  • Cine como ámbito de desenvolvemento profesional e vocacional

A programación de Criaturas e Teenage Riot que Curtocircuíto oferta aos centros educativos enmárcase dentro das dúas primeiras acepcións, e pretenden funcionar como acción para educar en e con valores dentro do ámbito xeral de educación e do ámbito da educación xeral. O obxectivo é fomentar e imprimir valores e aspectos válidos para a vida e para a formación do educando como cidadán. Falamos sobre todo de valores estéticos, sociais e morais (respecto, tolerancia, solidariedade, xustiza, etc). Trata de ser unha pequena mostra das potencialidades da educación artística como ferramenta de gran utilidade para crear espectadores críticos e persoas civilizadas. É moi importante cultivar a curiosidade e a capacidade de abraiarse ante o cotián. Cando formulamos a educación por un arte estamos a falar das artes como instrumentos de comunicación xenuínos. Herbert Read, na súa obra “Educación por el Arte”, propón achegar ás persoas a linguaxe das diferentes disciplinas artísticas para que sexan capaces de comunicar e expresar, e así desenvolver as competencias individuais e sociais a través da experimentación, a sensibilización, a creatividade e a imaxinación. As artes como base da educación son un problema emerxente no ámbito da pedagoxía, pero unha tese antiga, formulada xa por Platón cando afirma que as artes deben ser un dos piares básicos de toda educación que prece.

 

Por que traballar con curtametraxes?

Traballando a educación “con” e “en” valores a través do cine: a curta como ferramenta educativa

Os recursos audiovisuais sempre son atractivos para os nenos e adolescentes, pois son unha forma atractiva e dinámica para captar a súa atención. Polas características das curtas, sendo a súa maior potencialidade o tempo de duración, son moi aptas para traballar con nenos e adolescentes xa que nos permiten presentar un escenario, unha situación ou unha problemática máis ou menos complexa pero mantendo o factor da motivación e da atención grazas á súa curta duración e á capacidade de adaptar unha temática ou cuestión a un espazo curto de tempo.

Percíbese dende os novos paradigmas pedagóxicos a necesidade de poñer en valor e de normalizar a práctica de educación a través das artes xa que, hoxe en día, no noso país, as artes son utilizadas de forma moi residual e continuase a percibir, por parte do profesorado, que a proxección de películas e outros recursos artísticos son unha perda de tempo, cando temos a evidencia científica necesaria que avala o seu uso e que nos lexitima para reafirmarnos cando falamos da educación a través das artes coma un valor a aflorar que reclama o seu lugar no mundo educativo.

Educamos ‘en’ e ‘con’ valores a través do cine

Programa de actividades de educación en valores a través do cine (ámbito de educación común e de educación específica). Estes programas tratan de educar a mirada crítica do espectador para poder percibir, comprender e interpretar obras cinematográficas a través do recoñecemento e a interpretación dos valores estéticos. Pero ademais trata de ser unha sección para a educación en valores (falamos de valores de tipo intelectuais, afectivos, volitivos, individuais, ecolóxicos, liberadores, morais, sociais, instrumentais, transcendentes, espaciais y temporais). En todo caso, a capacidade de emocionar das artes é o punto de partida desta ferramenta.

  • Criaturas: programa de educación en valores a través do cine. O cine de animación como ferramenta educativa. [de 6 a 10 anos]
  • Teenage Riot: programa de educación en valores a través do cine. O cine como ferramenta educativa para a construción da personalidade. [de 14 a 18 anos]

Educamos a dimensión vocacional e profesional do cine

Promoción e posta en valor de iniciativas de educación para o cine (ámbito da educación vocacional e profesional).

  • Canteiras é unha actividade integrada na programación de Curtocircuíto, que trata de poñer en valor iniciativas de educación para o cine dentro da nosa comunidade e dos centros educativos de Galicia. Dende Curtocircuíto consideramos a alfabetización audiovisual como un dos factores chave na formación de futuros espectadores e creadores, de artistas, autores e actores e de públicos críticos e reflexivos. É por iso que queremos consolidar Canteiras como bisagra entre iniciativas de educación para o cine punteiras no sector e centros que desexen incorporar a educación para o audiovisual na bagaxe dos seus educandos. Canteiras pretende ser a mostra, a posta en valor e a promoción de prácticas modélicas que capacitan ao alumnado para coñecer, interpretar e expresarse a través da creación audiovisual e a reflexión entorno ao audiovisual. Na XV edición de Curtocircuíto teremos a oportunidade de, por primeira vez, facer confluír dúas iniciativas de procedencias distintas para que poñan en común, dialoguen e aprendan mutuamente do traballo que levan a cabo nos seus respectivos centros.

  • #OutraCompostela é unha actividade enfocada cara a educación vocacional e profesional no ámbito do cine. Outra Compostela xorde froito da colaboración entre o Festival Curtocircuíto, a Universidade de Santiago de Compostela, a Film Commision e a Concellaría de Turismo, e pretende amosar as caras e as arestas menos inmediatas da nosa cidade. A actividade fixada en cada edición do festival goza de carácter creativo e experimental, co protagonismo do alumnado da USC, en concreto da Facultade de Ciencias da Comunicación.

  • Compostelana é unha actividade en colaboración coa Universidade de Santiago co fin de promover a participación do alumnado no festival.