Blog

Presentamos a nosa competición estatal e un taller con Fernando Franco

Novas

A selección de películas que competirán en Penínsulas, o programa adicado ao cinema español, albergará os últimos traballos de cineastas como Chema García Ibarra e Ion de Sosa, Maddi Barber, Àlex Brendemühl ou Natalia Marín, entre outros.

Dende Curtocircuíto facemos hoxe públicos os filmes que formarán parte de Penínsulas, a nosa sección adicada á cinematografía española. Trátase dunha selección de directoras e directores novos pero con traxectorias consolidadas en festivais como Locarno, Berlinale, Toronto ou IndieLisboa. Ademais, presentamos as actividades formativas que deseñamos en colaboración coa ECAM - Escuela de Cinematografía y del Audiovisual de la Comunidad de Madrid.

Penínsulas: heterodoxia estatal a competición

A selección de Penínsulas, da que forman parte sete películas, tanto de ficción como de non-ficción, estará composta nesta edición por Leyenda dorada (2019), na que Chema García Ibarra e Ion de Sosa lle achegan ao espectador un día calquera nunha piscina municipal; Suc de síndria (2019), de Irene Moray, na que se narran os conflitos íntimos de Bárbara e Pol durante uns días de vacacións nos que intentan sandar vellas feridas; Huile sur Vent (2018), de Alejandro Pérez, protagonizada por un home que recolle aceitunas dun illote inundando dende hai décadas; Urpean Lurra (2019), documental no que a directora Maddi Barber -Premio do Público Curtocircuíto 2018- amosa a loita do grupo ecoloxista navarro Solidari@s con Itoiz contra a construcción do pantano da vila hai dúas décadas nas ladeiras do pirineo; Xiao Xian (2019), de Jiajie Yu, na que a través dunha noite na vida da protagonista se amosa o día a día da comunidade asiática que vive en España; Rarotonga (2019), de Àlex Brendemühl, unha obra de ficción na que dous homes e unha muller emprenden unha fuxida cara a unha illa remota; e La casa de Julio Iglesias (2018), unha peza de corte experimental coa que a cineasta Natalia Marín nos fará mirar cara a realidade socioeconómica española dende o humor e partindo dunha insólita anécdota.

Formación audiovisual para todas as idades

Ademais disto, presentamos hoxe tamén a nosa colaboración coa ECAM - Escuela de Cinematografía y del Audiovisual de la Comunidad de Madrid, que consistirá en varias actividades formativas para adolescentes e adultos.

O cineasta Fernando Franco, gañador do Premio Goya en 2014 como director novel pola película La Herida, exporá tamén o seu xeito de afrontar o proceso de realización dun filme. No taller Largo viaje hacia... algún lugar, o propio director afrontará as distintas etapas que supón unha travesía deste tipo analizándoa baixo diversos prismas: a liberdade creativa, os recursos dispoñibles, a toma de decisións, a búsqueda de solucións… Alén disto, o guionista, director, docente e xestor cultural Javier García impartirá un taller sobre montaxe e narrativa cinematográfica para alumnado de Secundaria e Bacharelato. A actividade consistirá en realizar unha análise fílmica da narrativa, montaxe e posta en escena da curtametraxe Cachorra, proxecto producido pola ECAM e seleccionado en máis de 40 festivais de todo o mundo.