Blog

Presentamos os 46 filmes da nosa Sección Oficial

Novas

Radar inclúe 19 películas de ficción e non ficción que recollen as últimas tendencias do cinema de autor internacional, mentres Explora está composta de 27 obras que desafían as nocións convencionais do cine

Presentamos os 46 filmes que compoñen a Sección Oficial desta 15ª edición de Curtocircuíto, con 19 en Radar e 27 dentro de Explora . Con esta selección, afondamos na nosa procura de obras guiadas polo risco, cun espírito explorador que se estende por diversos enfoques e xéneros, tanto dentro da ficción como do documental, pasando pola animación e polo cinema experimental máis achegado ás belas artes. Esa diversidade trasládase tamén á procedencia dos filmes, que reúnen artistas de 21 países diferentes con idades comprendidas entre os 24 anos do francés Pablo Dury e os 71 da alemá Helga Fanderl. 18 destas películas veranse por primeira vez en España nas salas de Curtocircuíto, que acollerá tamén a estrea mundial de Life After Love, de Zachary Epcar.

Cops Are Actors, de Tova MozardCops Are Actors, Tova Mozard (2017)

Radar: etnografía, xuventude e psicodelia

Radar é o escaparate das tendencias do panorama actual do cinema de autor máis alternativo, onde as novas olladas e as singulares concepcións do cinema xorden das máis arriscadas propostas. Este é o caso de Tova Mozard, directora de Cops Are Actors, que se aproxima á policía de Los Angeles desde a fronteira entre documental e ficción. Tamén nas fronteiras, pero reais, se move a etnografía psicodélica de Clément Cogitore en Braguino ao retratar os problemas dunha comunidade rusa co aumento de cazadores na zona. Novas olladas que cuestionan o sistema establecido, como é o caso do candidato ao Oscar Don Hertzfeldt en World of Tomorrow; a sexualidade e a xuventude actual, como o retrato hedonista da mocidade brasileira de Leonardo Mouramateus e Andreia Pires en Vando vulgo Vedita; ou absolutamente todo, como a nihilista visión dunha realidade puramente estética de Jeron Braxton en Glucose. Porén, tamén Radar ten espazo para olladas máis positivas da realidade, como o traballo de Nicolas Boone en Las cruces onde apoiándose na teoría do efecto bolboreta desprega unha aposta formal que chega á esencia dos habitantes dun violento barrio de Bogotá, ou as diferentes reflexións sobre a intimidade da familia desde as imaxes domésticas de Alexei Dmitriev en In Between Takes, ou a apoloxía do amor romántico nos bosques máxicos de Les amoureux de Pablo Dury. Tamén nesta natureza sitúase Alberto Martín Menacho, único cineasta español nesta competición, que filma os ritos vitais dunha comunidade nunha pequena vila en Mi amado, las montañas.

As películas que poderán verse en Radar son as seguintes:

  • Braguino | Clément Cogitore | Francia, Finlandia | 2017

  • Caroline | Logan George, Celine Held | Estados Unidos | 2018

  • Cops Are Actors | Tova Mozard | Suecia | 2017

  • Das satanische Dickicht - DREI | Willy Hans | Alemaña | 2018

  • Fauve | Jérémy Comte | Canadá | 2017

  • Glucose | Jeron Braxton | Estados Unidos | 2017

  • In Between Takes | Alexei Dmitriev | Rusia | 2017

  • Las Cruces | Nicolas Boone | Francia | 2018

  • Las fuerzas | Paola Buontempo | Arxentina | 2018

  • Les amoureux | Pablo Dury | Francia | 2018

  • Mi amado, las montañas | Alberto Martín Menacho | España, Suiza | 2017

  • Miragem Meus Putos | Diogo Baldaia | Portugal | 2017

  • Real Gods Require Blood | Moin Hussain | Reino Unido | 2017

  • Saladdin Castique | Anssi Kasitonni | Finlandia | 2018

  • Solar Walk | Réka Bucsi | Dinamarca | 2018

  • Terremoto santo | Bárbara Wagner, Benjamin de Burca | Brasil | 2017

  • Uuquchiing | Kevin Noguès | Francia | 2018

  • Vando vulgo Vedita | Leonardo Mouramateus, Andreia Pires | Brasil | 2017

  • World of Tomorrow Episode Two: The Burden of Other People's Thoughts | Don Hertzfeldt | Estados Unidos | 2018

 

Wishing Well, Sylvia Schedelbauer (2018)

Explora: novos camiños a novos lugares

Se Radar recolle as novas tendencias no cinema de autor, Explora representa o espírito explorador de Curtocircuíto, sempre na procura de novos camiños. Nesta sección centrámonos en pezas que rachan coas nocións habituais do cine, levándoo a novos lugares a través de 22 filmes que abranguen unha diversidade de recursos case inabarcable. Así, hai cinema abstracto que traballa coa luz e as sombras, pero tamén diarios filmados ou reapropriacións radicais que dialogan con outras obras audiovisuais (incluída a mítica serie Dinastía). Outros filmes propoñen experimentos sensoriais pensados para a experiencia física na sala de cine (como At the Horizon, de Takashi Makino e Manuel Knapp), e pasarán por Explora tamén varias mostras desa tendencia crecente a xogar con novos valores da imaxe como os videoxogos, os circuítos pechados de televisión e mesmo as imaxes de Google Earth e Street View que serven de base a Via, de Maria Ferreira.

Ese ánimo explorador no formal dáse tamén no espazo e no tempo, levando estas pezas de viaxe por diferentes espazos naturais e momentos históricos, con Deborah Stratman filmando un dos centros da febre do ouro no século XIX ou Tinne Zenner tratando a colonización danesa en Groenlandia. Entre os nomes da sección destacan, ademais, auténticos clásicos do cinema experimental como Helga Fanderl e artistas como Akosua Adoma Owusu, celebrada pola súa obra arredor da identidade racial; o norteamericano James N. Kienitz Wilkins, que xa gañou en Curtocircuíto o Premio Explora en 2016; ou o británico Ben Rivers, que estrea en España Trees Down Here, centrada na transformación arquitectónica dun edificio histórico.

Participan en Explora as seguintes películas:

  • 20160815 | Tina Frank | Austria | 2016

  • At the Horizon | Manuel Knapp, Takashi Makino | Austria | 2018    

  • Blink | Youjin Moon | Estados Unidos | 2017    

  • Electro-Pythagorus: a Portrait of Martin Bartlett | Luke Fowler | Reino Unido, Canadá | 2017

  • Konfiguration schwarz und weiss (Configuration in Black and White) | Helga Fanderl | Alemaña | 2017

  • Life After Love | Zachary Epcar | Estados Unidos | 2018    

  • Mahogany too | Akosua Adoma Owusu | Estados Unidos, Ghana | 2018

  • Mediums | James N. Kienitz Wilkins | Estados Unidos | 2017

  • Mixed Signals | Courtney Stephens | Estados Unidos | 2018

  • Momentum 142310 | Manuel Knapp | Austria | 2018

  • Monelle | Diego Marcon | Italia | 2017

  • Mountain Plain Mountain | Araki Yu, Daniel Jacoby | España, Xapón, Países Baixos | 2018

  • Nutsigassat | Tinne Zenner | Groenlandia, Canadá, Dinamarca | 2018

  • Optimism | Deborah Stratman | Estados Unidos, Canadá | 2018

  • Phantom Ride Phantom | Siegfried A. Fruhauf | Austria | 2017

  • Screen | Christoph Girardet, Matthias Müller | Alemaña | 2018    

  • Skoro nista: i dalje noc (Almost Nothing: So Continues the Night) | Davor Sanvincenti | Croacia | 2017

  • Sky Room | Marianna Milhorat | Estados Unidos | 2017

  • Sombra luminosa | Francisco Queimadela, Mariana Caló | Portugal | 2018

  • Taking away | Eginhartz Kanter | Austria, Xapón | 2018

  • The Garden of Delight | Michael Fleming | Países Baixos, Estados Unidos | 2017

  • Three paths | Alexander Dupuis | Estados Unidos | 2017

  • Trees Down Here | Ben Rivers | Reino Unido | 2018

  • Uluru | Alberte Pagán | España | 2018

  • Via | Maria Ferreira | Portugal | 2017

  • Wishing Well | Sylvia Schedelbauer | Alemaña | 2018

  • Word for Forest | Pia Rönicke | Dinamarca | 2018