Máis de 7.200 asistentes na 16ª edición de Curtocircuíto
NovasEntre os pasados 28 de setembro e 6 de outubro, celebramos en Santiago de Compostela acolleu a 16ª edición de Curtocircuíto. Un mes despois e, tras valorar e analizar os datos de participación, podemos contarvos que máis de 7.200 persoas puideron gozar de 130 filmes, 8 actividades formativas e 3 encontros profesionais e 7 concertos. Nesta edición, na que reunimos a máis de 120 profesionais acreditados, insistimos nese novo rumbo cara un evento interdisciplinar: creación visual, creación sonora, performance escénica, fotografía e música confluíron nun programa de actividades que reuniu a máis de 2.000 participantes nas actividades paralelas e 5.000 asistentes ás proxeccións, que supuxeron unha media de 122 asistentes a cada unha das sesións do festival, máis da metade delas presentadas polos seus directores ou directoras. Ademais do público que acudistedes ata Santiago de Compostela durante a celebración do festival, temor que sumarlle os 6.000 visionados que, ata o momento, se realizaron na programación do festival a través da nosa canle Filmin, onde se pode visionar unha selección de obras desta edición.
Blixa Bargeld, Solo Vocal Performance.
Na programación internacional destacaron a presenza do cineasta e teórico austríaco Peter Tscherkassky e do músico Blixa Bargeld, líder da lendaria banda alemana Einstürzende Neubauten, que visitou Galicia en solitario por primeira vez enchendo o Salón Teatro . Ademais, foi especialmente concorrida e aplaudida a clase maxistral do fotógrafo e ensaísta Joan Fontcuberta e, de entre os diferentes focos, brillaron especialmente as figuras do cineasta Kevin B. Lee e da artista e cineasta franco-colombiana Laura Huertas Millán, a quen adicamos un dos primeiros focos que se realizan en España sobre o seu traballo.
Cinema galego en Curtocircuíto: tres momentos clave
De esquerda a dereita: Pre-estrea de O que arde, Sesión especial Curtocircuíto x Cineclube de Compostela: Euloxio R. Ruibal e o Equipo Lupa e Supernova.
Cada ano artellamos gran parte das nosas seccións arredor da produción cinematográfica galega: nesta edición tivo lugar unha das preestreas de O que arde, o último filme de Oliver Laxe, nunha emotiva e multitudinaria sesión especial que contou coa presenza do cineasta, de Amador Arias, de Benedicta Sánchez –os actores protagonistas– e de membros do equipo.
Ademais, a preservación da historia e o patrimonio audiovisual do país tamén foron protagonistas neste Curtocircuíto coa recuperación e dixitalización, en colaboración co CGAI - Centro Galego de Artes da Imaxe, dos filmes do Equipo Lupa -pioneiros no cinema amateur en Galicia nos anos 70- para que pasen a formar parte do arquivo audiovisual da Filmoteca de Galicia. A raíz disto e corenta anos despois de que se levasen a cabo, as obras puideron verse publicamente na homenaxe que, xunto ao Cineclube de Compostela, lle dedicamos a Euloxio R. Ruibal e ao Equipo Lupa.
A mirada de futuro dos creadores e creadoras do país foi protagonista nunha exitosísima segunda edición de Supernova que pon valor ás novas voces do cinema galego, nesta ocasión con Aldara Pagán, Nacho Ozores, Pedro Vilas, Lautaro Herrera Batallán, Marta Valverde, Lucía Estévez, Alejandro Sixto, Adela Dávila, Sol Mussa e Arancha Brandón como protagonistas, constatando felizmente que a porcentaxe de mulleres creadoras entre as xeracións máis novas é cada vez máis destacada e, sobre todo, que o futuro do cinema feito desde Galicia está cheo de posibilidades.
Curtocircuíto é unha iniciativa do Concello de Santiago de Compostela, co apoio da Deputación da Coruña, AGADIC e o ICAA.